A Sensu Contrario vs. El Corte Inglés

ver sentenza

Nota de prensa

Sentenza do Xulgado do Social nº. 3 de A Coruña. Condena a empresa El Corte Inglés, S.A. por consentir acoso sexual e moral a unha dependenta no centro de oportunidades de Altamira.

O despacho de avogacía A SENSU CONTRARIO de Santiago de Compostela en colaboración co SINDICATO CIG, veñen de conquerir unha sentenza pioneira na Galiza na defensa dos dereitos fundamentais das mulleres traballadoras vítimas de acoso sexual e laboral.

A sentenza de 27 de xaneiro de 2017 do Xulgado do Social no 3 de A Coruña, en Autos 950/2016 en materia de DEREITOS FUNDAMENTAIS, co informe favorable do Ministerio Fiscal, condena a un xefe de tenda e á empresa EL CORTE INGLÉS, S.A. por vulnerar os dereitos fundamentais dunha traballadora de Altamira en A Coruña por acoso sexual e laboral, e condena igualmente á empresa e ao xefe de tenda a indemnizar á traballadora solidariamente na contía de 30.000 euros”

Consta acreditado na sentenza que a mercantil El Corte Inglés S.A., a pesares de existiren probas evidentes do acoso que sufría a traballadora, que mesmo chegou a activar o protocolo de tratamento que existe na empresa para afrontar estas situacións, non tomou medida preventiva algunha, deixándoa na máis absoluta indefensión.

A actuación de El Corte Inglés en todo momento foi a de negar a existencia do acoso e iso aínda tendo pleno coñecemento de ca traballadora se atopaba de baixa laboral por síndrome de estrés post-traumática con causa no acoso laboral. Denegóuselle á vítima o traslado de centro que solicitara para protexerse da conduta denunciada sen máis motivo que minar as súas forzas.

Os feitos remóntanse a finais de 2013, cando a traballadora é destinada a un novo centro de traballo: o centro de oportunidades de Altamira. O que nun principio semellaba un trato amigable por parte do xerente, converteuse pronto nunha manifesta actitude de acoso sexual. Ante o rexeitamento da traballadora ás insinuacións e tocamentos, o xerente comezou unha persecución laboral contra dela, na que tamén involucrou a outros encargados do centro.

Empezaron entón os insultos, as humillacións diante de compañeiros/as e clientes/as, as chamadas de atención continuadas, denegacións de permisos, ameazas de despedimento, difusión de rumores falsos sobre a vítima, vexacións, etc. Esta persecución constante deteriorou a saúde da traballadora, que sufriu de varias crises nerviosas, diagnosticándoselle finalmente un cadro ansioso-depresivo derivado desta situación de acoso e tendo por último que recibir terapia psicolóxica por estrés post-traumático.

En outubro de 2015, ao non poder aturar máis esta situación, a traballadora solicita a activación do Protocolo contra o acoso perante a Comisión Instrutora de Tratamento de Situacións de Acoso do Corte Inglés (CITSA). Nese momento, volve pedir un cambio de centro de traballo (xa o solicitara sen éxito en Maio dese ano) para que se garanta o seu dereito “a unha contorna libre de condutas e comportamentos hostís ou intimidatorios, garantindo así o dereito á dignidade e á integridade física e moral“.

Malia ca empresa El Corte Inglés, S.A. conta cunha COMISIÓN INSTRUTORA DO TRATAMENTO DE SITUACIÓNS DE ACOSO, e pese a que o citado órgano investigador aplicou a incoación dun protocolo preventivo no caso de acoso que nos ocupa, este foi INOPERANTE e INEFICAZ, o que deixa en grande dúbida a existencia destes supostos mecanismos preventivos creados polas propias empresas, que realmente limítanse a ter unha función de carácter meramente propagandístico co único obxectivo de proxectar a imaxe dunha empresa solvente e garante dos dereitos das traballadoras.

El Corte Inglés negou sempre a existencia do acoso e impediu sequera a medida de protección de traslado de centro de traballo. Esta resolución, carente de todo fundamento e que só se pode entender coma un castigo, deixou en total desamparo e indefensión á traballadora, a cal, ante a inacción e insensibilidade da empresa decide presentar denuncia dos feitos ante a Inspección de Traballo (o que motivou un requerimento á empresa que non abarcaba a gravidade dos feitos denunciados e contra o que se opuxo a correspondente reclamación) para, xa no 15 de decembro de 2015, ante a inacción da empresa e as institucións, interpoñer denuncia ante o Cuartel da Garda Civil de Culleredo o que deu lugar ás Dilixencias Previas 24/2016 no Xulgado de Instrución nº. 5 de A Coruña estando actualmente en fase de instrución por si, a gravidade denunciada e constatada nesta sentenza puidera revestir o carácter de delito. Xa por último, interpúxose pola traballadora a demanda de protección de dereitos fundamentais na xurisdición social que deu lugar a presente sentenza, sendo, paradóxicamente, a primeira en resolver a cuestión.

A Sensu Contrario é un despacho xurídico alternativo que se adica, dende hai máis dunha década á defensa dos dereitos fundamentais das persoas en tódolos ámbitos, cun enfoque crítico da lexislación vixente, unha metodoloxía colaborativa e unha actuación multidisciplinar o cal permite que en casos coma este, as sentenzas non só supoñan unha restitución do dano causado senón que, amais, teñan efectos para os miles de mulleres que se atopan coa lacra do acoso sexual. Este é o segundo pronunciamento favorable que este despacho conqueríu contra a mercantil El Corte Inglés por acoso laboral, o cal indica que non falamos dunha conduta illada senón dunha actitude empresarial.

Sandra Garrido Fernández, letrada da equipa xurídica de A Sensu Contrario, en colaboración coa avogada Lidia Vázquez Méndez da asesoría xurídica da CIG, dirixiron tecnicamente este procedemento de grande complexidade dados os continuos atrancos ca empresa empregou en todo momento para agochar os acosos denunciados.

A sentenza ten un grande impacto tanto na Galiza como a nivel estatal posto que supón outro antecedente máis da perversa actuación das grandes corporacións neste problema de orde público que é o acoso laboral e, sobre todo, o sexual. Esta sentenza é unha vitoria tanto xurídica como sindical en defensa dos dereitos das traballadoras, particularmente das mulleres que se ven indefensas ante as situacións de acoso sexual que se producen na privacidade dos entornos de traballo e por parte de quen ten acceso ao abuso da autoridade nas empresas. Son sentenzas coma esta as que sentan precedente cara ao fin da impunidade empresarial ante o acoso sexual e moral.

Para máis información:

info@asensucontrario.info
Tfne: 698187195. (Fran del Buey, coordenador de comunicación de A Sensu Contrario.)